Non se pode fuxir dun pasado do que NON se renega
A día de hoxe hai unha rúa dedicada a un alto cargo franquista, o capitán coruñés Pardal.
Rogamos e reclamamos ao goberno municipal que cumpra as leis e elimine o nome da rúa dedicada ao capitán franquista e que esa rúa pase a ter unha denominación adaptada a Lei de memoria histórica.
Animamos ao profesorado dos centros de ensino municipais a que transmitan ao seu alumnado, cando se aborde o tema da Guerra Civil do Estado Español, estes anacos da crónica máis escura da historia do noso concello.
Por que falar dos campos de concentración? A resposta é bastante doada, porque somos moitas as persoas que descoñecemos que no noso concello houbo dous campos de concentración franquistas e que aínda a día de hoxe hai unha rúa dedicada a un alto cargo franquista, o capitán coruñés Pardal. Sabemos que é un dato descoñecido polo goberno municipal e por iso temos a honra de darllo. E a conto disto, tamén aproveitamos para recordarlle iso que tanto promulga o Partido Popular -menos a José Manuel Castelao- pero que lle dá tanto traballo cumprir, “Además de cumplir la ley, hay que ser éticos y estéticos…” o artigo 15 da Lei de memoria histórica recolle que serán as administracións públicas as encargadas de tomar as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura. Polo que lle rogamos a @popularesmuros, cumpran a lei.
E é neste momento cando ti, lendo este artigo, tes a opción de pensar dúas cousa, a primeira sería algo como: “...xa están estes do Bloque con Franco para aquí e Franco para alá…” ou a segunda que nos sería máis grata e que enunciaría algo como: “...a min na escola non me contaron nada disto (yo fui a EGB)”. Se es do primeiro perfil pois temos a mala ou boa nova de que aquí se acabou a lectura, en cambio se queres saber máis sobre o franquismo no noso Concello, convídamosche a que nos cedas uns minutos do teu tempo.
A TRISTE HISTORIA MODO “ON”
A historia, aínda que díficil de encontrar, dinos que a toma de Santander por parte do exército sublevado e a caída da Fronte Norte nos meses de xullo e agosto de 1937 serán as principais causas para a creación dos campos de concentración de Cedeira, Rianxo, Ferrol, A Guarda e… Muros. Concretamente, no caso de Muros creánse dous campos de concentración, un situado en Anido e o outro en Vieta. No informe de xuño do 38, estas instalacións non aparecen mencionadas, o cal pode indicar que nesa data xa estiveran pechados. Ambas instalacións fóran ata eses momentos fábricas de salgazón pero a crise nese sector obrigaou o seu peche, co cal e chegado o seu momento pasan a ter un uso máis “recreativo” e adaptado á época, cómpre sinalar que un 12% dos campos de concentración franquistas “okuparon” edificios deste tipo (fábricas de salgazón, antigas azucareiras ou almacéns que se encontraban en estado de abandono...).
A comezos de novembro do mesmo ano, chegan os primeiros prisioneiros procedentes na súa maioría de Asturias e Euskal Herria, a maioría deles foran soldados do exército popular que participaran en accións de combate. Autobuses e o barco de vapor “Llodio” son os medios elixidos para que preto de mil prisioneiros franquistas cheguen ao seu “resort”, máis de cincocentos en Anido e ao redor de trescentos en Vieta. O de Anido era aberto e sen alambradas, mentres que o de Vieta era pechado, operaron entre finais do 37 e comezos do 38 e foron consideradas instalacións temporais na que os reclusos eran identificados e clasificados. A diferenza do “ben querido” réxime nazi, non se correspondían con campos de exterminio, aínda que segundo datos da entidade Asturias Republicana si se ten constancia da morte dun recluso, concretamente de Pedro Boto Riesgo de 75 anos, no campo de concentración de Vieta a causa dunha hemorraxia cerebral.
As condicións de vida eran ruíns. Sobrecollemento, falta de hixiene e pésimas condicións que obrigaban aos reclusos a facer as súas necesidades directamente no mar, a escasa alimentación e a falta de auga. A maiores, estaban as torturas, tanto físicas como psicolóxicas creando unha atmósfera de terror para eliminar a toda a aquela persoa que non acatara o ideario fascista de Franco, é dicir, un verdadeiro holocausto idelolóxico e un proceso de deshumanización para, en palabras do xeneral Mola, “reducir ao enimigo canto antes” (Mola, Pemán, Banús, Gomá, Vallejo - Najera, Del Pulgar… todos os que se citan na canción “Desfilan” de Barricada foron os encargados de sembrar o terror e o pánico nos campos de concentración do estado español).
Toda esta penuria que estaban a vivir os reclusos non pasou desapercibida para a veciñanza de Muros. A solidaridade apareceu dende o primeiro momento, xa fora para organizar recollidas de alimentos ou para lavar a roupa do reclusos; e, tanto foi así que como sinala Cilia Tonra: “O alcalde franquista de Muros tivo que abrir varios expedientes a persoas por este tipo de actos”. Neste senso, cómpre destacar o papel das mulleres, tal e como sinala Hernández de Miguel no seu libro “Los Campos de Concentración de Franco” á hora de valorar a peculiaridade do caso galego: “A enorme solidariedade, en xeral da poboación local, pero en particular das mulleres das localidades próximas. Todas as testemuñas falan de como elas se achegaban aos aramados ou xanelas para darlles comida”. Comenta, ademais, que aquí tivo especial incidencia a figura da “madriña”, veciñas que acudían aos campos para facerse cargo da roupa dalgún recluso para lavala e fervela, a fin de despiollala.
O CAPITÁN “CENTELLAS”
Segundo recolle Xesús Costa Rodil no seu libro “Do Sar a Monte Louro. Memorial da Represión 1936 - 1950”, o capitán coruñes Pardal ou Constantino Gómez Pardal, tamén coñecido como o capitán Centellas -é ver o nome e vir a cabeza ao ghichiño vestido co seu traxe e a C de Centellas no peito-, era un capitán requeté que obstentaba o cargo de capitán de Cabalería e que tiña ao seu cargo o campo de concentración de Anido. Segundo tamén datos de Cilia Tonra -no Sermos Galiza 337- o capitán coruñés mantivo unha posición menos agresiva cos detidos, se ben os internos do mesmo foron empregados como man de obra escrava, construíndo o camiño que unía a fábrica coa estrada xeral, o cal aínda a día de hoxe e despois de máis de 80 anos, conserva o seu nome. A comezos do 38, “Centellas” foi destituido despois de que a Garda Civil “verificara” as acusacións de borracho e de falta de disciplina cos seus presos.
CONCLUSIÓNS
De pouco nos vale que nas escolas se ensinen os conflitos cando se obvian épocas -na Lei xeral de educación do 70 era moi difícil chegar ao tema da Guerra Civil en historia, casualidade?- e accións que temos diante dos nosos ollos, conseguimos aprender o que foi o New Deal ou as causas e consecuencias da primeira Guerra Mundial, pero descoñecemos que dos 11 campos de concentración que o réxime franquista instaurou en Galicia, dous estiveron en Muros. Polo que, rogamos e reclamamos ao goberno municipal que cumpra as leis e elimine o nome da rúa dedicada ao capitán franquista Pardal, situada no lugar de Baño (Serres), e que esa rúa pase a ter unha denominación adaptada a Lei de memoria histórica. Ademais, dende o BNG propoñemos que tanto no lugar de Anido como en Vieta se instalen unhas placas conmemorativas nas que se fagan constar que “neste lugar existiu un campo de concentración do réxime franquista entre 1937 e 1938”.
Xunto con todo isto, queremos que o descoñecemento que moitas persoas padecemos en canto á existencia deste “lugares” non se volva a dar, polo que animamos ao profesorado dos centros de ensino municipais a que transmitan ao seu alumnado, cando se aborde o tema da Guerra Civil do Estado Español, estes anacos da crónica máis escura da historia do noso concello.
As neuronas son cada vez máis vagas e menos numerosas, xa non son o que eran para a memoria, nin sequera para a histórica…
Saúde, terra e xustiza!
DOCUMENTOS, LIBROS, PÁXINAS WEB E CANCIÓNS CONSULTADAS
LOS CAMPOS DE CONCENTRACIÓN DE FRANCO, Carlos Hernández de Miguel
LA TIERRA ESTÁ SORDA (disco máis libro), Barricada,
SERMOS GALIZA 337, ARTIGO OS CAMPOS DE CONCENTRACIÓN EN MUROS, Cilia Tonra
DO SAR A MONTE LOURO, MEMORIAL DA REPRESIÓN 1936 - 1950, Xesús Costa Rodil e Xesús Santos Suárez.
ASTURIAS REPUBLICANA, www.asturiasrepublicana.com
NOMES E VOCES, www.nomesevoces.net