No II Foro de Alcaldesas, reafirmamos o noso compromiso cunha Galiza máis feminista
Este encontro reforza o noso compromiso con políticas que realmente empoderen ás persoas e garantan unha Galiza máis xusta e libre, onde o feminismo segue sendo un eixe transversal e transformador.
O pasado 1 de outubro celebrouse na Coruña o II Encontro de Alcaldesas, organizado polo Concello da Coruña no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco). Este evento, de carácter estatal, contou coa participación de representantes de concellos de toda Galiza e doutras partes do Estado. Entre elas, estivo presente a nosa compañeira e alcaldesa de Muros, María Lago, quen compartiu a súa experiencia e visión sobre o papel central do feminismo na acción política municipal.
No encontro, asinouse a Declaración de María Pita, reafirmando o compromiso con cidades e vilas máis xustas, seguras e igualitarias. Un espazo onde todas as persoas teñan acceso aos seus dereitos e oportunidades, sen deixar a ninguén atrás.
Os gobernos do BNG, como o de Muros, traballan cada día para mellorar as condicións de vida da veciñanza. Defendemos os servizos públicos, protexemos a nosa lingua e cultura, e impulsamos políticas que garantan o acceso á vivenda, á educación e aos coidados. Este encontro reforza o noso compromiso con políticas que realmente empoderen ás persoas e garantan unha Galiza máis xusta e libre, onde o feminismo segue sendo un eixe transversal e transformador.
En Muros temos claro que a Galiza que vén non se pode construír de costas aos dereitos das mulleres. Seguimos traballando niso.