Feixóo: 5,2 millóns de falsas promesas
Feixóo anuncia unha serie de axudas ao marisqueo que serán inaccesibles para case a totalidade do sector.
Unha vez máis Rosa Quintana visita o noso Concello para autopromocionarse, anunciando axudas millonarias que quedarán sen executar.
Reclamamos no Paramento de Galiza que os 5,2 millóns de euros anunciados pola Consellería do Mar cheguen a executarse na súa totalidade.
O prestidixitador máis famoso entre os famosos da TVG, volveu a facer unha gran performance das súas nas que demostra que podes vivir da política sen facer absolutamente nada produtivo pola sociedade que dis defender. Galicia, Galicia, Galicia.
E para conseguilo, so tes que posuír dúas ferramentas fundamentais: Un servizo público de información manexado ao teu capricho, e segundo, mais igual de importante que o primeiro, botarlle morro ao asunto.
Resulta que, como anunciaron na Televisión de Galicia e na Radio Galega, a Consellería do Mar aprobou no mes de agosto unha liña de axudas de 5,2 millóns de euros para o sector marisqueiro que, coa paralización de actividade que supuxo a alerta sanitaria, sufriu no seu conxunto unha gran perda de ingresos nunha temporada na que as ventas soen medrar considerablemente.
Hai unhas semanas a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou a Confraría de Muros para dar a noticia en persoa. Sabía que esta liña de axuda era unha oportunidade única para poñerse en valor como política. Xa que estos cartos poderían axudar a moitas familias que viron mermados os seus ingresos durante a crise do Covid, e que están a pasar un momento de moito apuro económico.
Porén, unha vez que rascamos na superficie e afondamos no contido real deste anuncio publicitario, dámonos conta que destes 5,2 millóns de euros, o que vai chegar ás traballadoras do mar é practicamente cero. Por dúas razóns, fundamentalmente.
En primeiro lugar, esta liña de axudas sae publicada no DOG o 4 de Agosto, moito tempo despois da publicación doutras axudas concedidas para o mesmo fin por outras administracións como o propio Estado. Resulta que a día 4 de Agosto a gran maioría das traballadoras xa tiñan tramitadas as subvencións que se publicaran anteriormente a liña publicada pola Consellería, é incompatible con calquera outra subvención solicitada para o mesmo fin. Así que, todas aquelas traballadoras que solicitaron outras axudas, a gran maioría, quedan fora do reparto.
Para as demáis, a poucas que non tiveron a ben tramitar a subvención ofrecida polo Estado, a Orde establece unha medición dos días que non puideron desenvolver a súa actividade que queda moi lonxe dos días que realmente non puideron traballar, polo que de solicitar esta axuda, o importe concedido vai ser realmente escaso.
Con todo isto, a realidade é que o Señor Feixóo volveu a ocupar minutos e minutos dos nosos medios de comunicación públicos para anunciar unhas axudas que non van axudar a ninguén.
As nosas compañeiras do BNG presentaron xa preguntas por escrito nos distintos órganos do Parlamento de Galiza solicitando a modificación das condicións das subvencións, e esixindo que todo o remanente desta liña de axudas que quede sen executar, redunde no beneficio do sector marisqueiro. A maioría absoluta decidirá.