Demandamos restablecer a atención presencial nas consultas sanitarias
O obxectivo desta moción é lograr o apoio do pleno para instar a Xunta de Galiza para que estableza protocolos “claros e unificados” para a atención presencial para toda a Atención Primaria e que no noso concello afecta aos centros de saúde de Muros e Esteiro.
Xa en setembro, o grupo parlamentario nacionalista presentou unha inicitiva na que se lle solicitaba á Consellería de Sanidade que reactivase a atención presencial e acabe coas listas de espera e que o Partido Popular rexeitou.
O grupo municipal do BNG presentaremos, no pleno ordinario deste mes, unha moción para instar a Xunta de Galiza e ao Sergas a que desenvolva de inmediato todas as accións precisas para activar a atención presencial no centros de saúde de Muros e Esteiro. A Xunta de Galiza debe dar resposta ás demandas de atención pola Covid19 e ao resto das patoloxías, rematar coas listas de espera neste nivel asistencial, dotar de maior número de persoal e da posta en práctica de medidas de prevención de contaxios eficaces para garantir unha atención sanitaria e pública digna á poboación.
O obxectivo desta moción é lograr o apoio do pleno para instar a Xunta de Galiza para que estableza protocolos “claros e unificados” para a atención presencial para toda a Atención Primaria e que no noso concello afecta aos centros de saúde de Muros e Esteiro.
Diante da pandemia a Xunta de Galiza, presidida polo señor Feijoó, dicidiu reducir drasticamente a asistencia presencial tal como pasa nos nosos centros, e restrinxir consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas nos hospitais. Xunto con isto, temos que sumarlle a privatización que desde hai anos permitiu esquilmar o diñeiro dedicado a sanidade para traspasalo a petos privados mentres os centros e recursos públicos sufriron unha deterioración brutal. “A pesar de toda a mobilización e a conciencia cidadá que se espertou ante a catástrofe da pandemia do coronavirus, dende Xunta de Galiza non se tomou medida algunha para fortalecer a sanidade pública”, denuncia a nosa voceira Ía Lago.
A decisión que tomou o Sergas foi que a atención se centrara preferentemente na consulta telefónica, cuestión que está ocasionando moitas dificultades tanto aos profesionais para poder prestar a asistencia sanitaria como no acceso da poboación á mesma. “Que médico pode dar un diagnóstico fiable por teléfono? Sen verlle a cara á/ao paciente, sen explorarlle, sen auscultarlle…?”, pregúntase a nosa voceira.
Estamos ante unha cuestión gravísima, coidadosamente e de maneira planificada estase favorecendo o negocio da sanidade privada. Aproveitase a situación que vivimos para privar a nosa veciñanza dun servizo básico, isto ten como consecuencia a perda de confianza das/os doentes na sanidade pública e, quen poda, procure alternativas. Este modelo político leva á sanidade pública a un punto de difícil retorno se non o paramos entre todos/as. Un modelo de sanidade privada que o señor Feijoó nos quere impoñer.
O BNG non se vai quedar inmóbil ante esta situación. Xa en setembro, o grupo parlamentario nacionalista presentou unha inicitiva na que se lle solicitaba á Consellería de Sanidade que reactivase a atención presencial e acabe coas listas de espera e que o Partido Popular rexeitou.
Dende o BNG seguimos loitando, dende a forza dos Concellos e do poder popular, por unha sanidade pública e universal digna.