Defenderemos no Pleno deste mes que se manteña o servizo do ISM

ia

A directora provincial do Instituto Social da Mariña fixo entrever nas pasadas datas a intención do organismo de pechar o ISM de Muros.

Opoñémonos a perda dun servizo do que se benefician 1000 profesionais na contorna. 

 

Entre os anos 2009 e 2012 o Goberno do Estado levou a cabo o peche das oficinas do ISM en Muxía, Laxe e Fisterra, en prol da “racionalización e eficacia dos recursos, tanto materiais como humanos, do ISM”. Agora, parecen ser Corcubión e Muros os que están no punto de mira dos peches e dos recortes xa que, hai moi poucas datas, os profesionais do mar veñen de denunciar publicamente o posible peche do centro local de sanidade marítima de Corcubión, que atende aos traballadores e traballadoras do mar pertencentes aos concellos de Cee, Corcubión, Fisterra, Muxía, Camariñas, Laxe, Ponteceso e Malpica. E é o propio sector o que xa advirte sobre a intención do ISM do peche do de Muros para centralizar na cidade da Coruña o recoñecemento médico ao que están obrigados todos os mariñeiros que queiran embarcar.

O BNG oponse a esta redución de servizos e a intención de centralizar na cidade da Coruña o recoñecemento médico ao que se debe someter todo o persoal do mar da nosa contorna que queira embarcar, uns servizos dos que se benefician máis de 1000 traballadores e traballadoras de diferentes lugares e concellos da nosa bisbarra.

“Apoiaremos as reivindicacións do sector marítimo e pesqueiro do Concello de Muros e da súa bisbarra. Amais, prestarémoslle o noso apoio e darémoslle cobertura a todas as reivindicacións que fagan en relación ao mantemento dos servizos do Instituto Social da Mariña. Opoñémonos á redución deste servizo e á súa centralización na cidade da Coruña, non imos permitir esa vergoña”, manifesta a nosa voceira Ía Lago.

Para o BNG é fundamental un posicionamento de todas as formacións políticas para, da man das organizacións marítimas, pesqueiras e dos sindicatos, esixirlle ao Goberno estatal a través da Subdelegación deste na Coruña e ao Goberno galego que actúen e que non se desmantele un servizo básico para o Concello de Muros e a súa contorna.