Conseguimos que unha parte do POS sexa destinada a mellorar Torea e Abelleira

praia bornalle
  • Durante 4 anos recibimos a negativa de PP e PSOE para invertir parte do POS+  no saneamento de Bornalle ou na peonalización de Abelleira e Torea.
  • Condicionamos calquer apoio ao POS a levar a cabo estas obras por entender que eran prioritarias para o noso Concello.
  • Celebramos o inicio das obras a pesar da hipocrisía política coa que se está a tratar este tema desde o Grupo de Goberno.

Nas eleccións de maio de 2015, a Asemblea do BNG de Muros conseguimos retornar ao Pleno da corporación tras o rapto de actas que na lexislatura anterior levaran a cabo os que dicían representar á nosa asemblea, mais demostraron representarse so así mesmos. Uns meses despois, o 15 de decembro de 2015 celébrase o primeiro pleno extraordinario sobre os Plans da Deputación cos que se financian a maioría das grandes obras que se acometen no concello.


Naquel pleno, tal e como se recolle na acta aprobada, desde o BNG manifestabamos o seguinte:
“O Sr. García, do BNG, explica que xa teñen falado de que lles gustaría que o POS servira para investir nalgo máis que en simples obras, en creatividade, en necesidades sociais e en cubrir outras necesidades, pero entenden que o carácter urxente destas instalacións esixía facer un esforzo e centrar todo nisto e que tamén entende que tanto o POS e como o PAS son inversións que se van realizar case todas na mesma zona, o que lles parece interesante para salvagardar a praia da Virxe, aínda que non é a única, é unha das zonas máis importantes de marisqueo. Tamén está a praia de Bornalle que lles gustaría que nos próximos anos se fixeran actuacións de saneamento na Abelleira para evitar vertidos nesa praia, porque tamén é outro punto importante de marisqueo.”


Pois tal e como manifestamos nesa intervención, en absolutamente todos os seguintes debates, ata abril de 2019, o BNG solicitou engadir nos proxectos a financiar co POS+ da deputación da Coruña o saneamento para Abelleira e Torea, ademais de outras obras de humanización como pode ser a beirarrúa que conecte Abelleira e Tal. En todas e cada unha destes debates, desde o PP e o PSOE manifestaron constantemente a súa negativa a tomar en consideración ningunha destas obras, xa que nunca eran o suficientemente importantes nin urxentes. Ata tal punto, que desde o BNG atopámonos na obriga moral de non apoiar a proposta de Alcaldía para o POS 2019, en decembro de 2018, se non incluía canda menos unha das dúas obras que durante catro anos reclamamos. E por primeira vez, tras tres anos de negativas, abstivémonos nunha votación sobre o POS+, ao ter que escoitar unha vez máis polo resto de grupos da Corporación que as obras de Abelleira non eran importantes nin urxentes.


Chegamos a maio de 2019 e as novas eleccións municipais deixaron unha composición idéntica á anterior lexislatura. Por  contra, houbo entre os grupos políticos quen mudou a súa posición ideolóxica para facilitar o goberno do PP, algo incompresible no eido político. Chegamos a decembro, e na Xunta de Portavoces sobre o POS+, manifestamos que non íamos apoiar ningunha proposta que non contemple o comezo das obras de saneamento na Abelleira. Dous días antes da celebración do Pleno Extraordinario coñecemos que o actual goberno propón a realización das obras que levabamos catro anos reclamando: Saneamento para a praia de Bornalle e beirarrúas nalgunha zona de Abelleira. Momento histórico para nós como organización política. Unha vez máis, grazas ao noso tesón e firmeza, conseguimos que a pesar da nosa pouca relevancia numérica, as nosas reclamacións teñan presenza constante, e acaben por engadirse nas axendas dos demais partidos políticos. Un éxito absoluto.


Hai, por contra, quen entende que se haberá saneamento e beirarrúas na Abelleira é grazas ao PPSOE... cousas da desmemoria da política.