Arrancamos coa campaña a prol do consumo local
Tras o éxito da campaña do Nadal este ano apostamos por unha campaña que concienciase do consumo local en toda a Comarca.
Debemos apostar polo consumo local non como un mantra , senón exemplificando as consecuencias de non dispoñer de un tecido comercial propio no Concello: despoboamento, envellecemento precario, perda de servizos públicos ligados á poboación, deslocalización da producción.
O ano pasado apostamos por repartir cartaces entre os comercios do Concello, unha iniciativa de última hora que foi aplaudida por cada un dos comercios nos que deixamos os cartaces. Unha inciiativa modesta, si, mais moi necesaria e cun alto poder simbólico.
Entendemos que o consumo local é riqueza , e debera de ser unha práctica habitual no noso día a día. Sabemos que na práctica non é así, e que por comodidade , descoñecemento ou falta de implicación institucional que exemplifique esta problemática e como funciona o consumo os nosos comercios colgan o cartel de "Pechado".
Se queremos ter unha tenda que nos duplique a nosa tarxeta SIM do móbil temos que contratarlle o servizo ao noso veciño, non a través dunha web ou vía teléfonica por moito que nos seduzan con cantos de serea, promocións de curta duración que nos amarran a servizos de baixa calidade.
O mesmo sucede coa roupa, a alimentación, os servizos ou os xoguetes.
Estas son unhas datas que dan un respiro ao comercio local, na súa maioría autónomos que invirten durante todo o ano no noso Concello e que axudan a dinamizar as rúas (aí temos a decoración Navideña tan ben traballada). Por todo isto, animamos a veciñanza a que consuma no noso Concello e rogamos as institucións que poñan medidas que axudan a exemplificar o drama de non facelo.
Esperamos que con este cartaz entendas que o BNG sempre porá os recursos públicos ao servizo do consumo local, pois entendemos que axuda por partida triple:
- É máis ecolóxico: non ten sentido traer leite de Francia cando somos un pais productor de leite e temos en Mazaricos ou Dumbría leite abonda (e os franceses non consumen en Muros, mais a xente de Mazaricos e Dumbría, sí).
- Favorece a fixación da poboación: A nosa poboación está envellecida, se non dispoñemos de tendas e servizos que lles facilite a vida a eles e a seus coidadores , probablemente teñan que mudarse a unha cidade .
- Axuda a preservar a nosa lingua e cultura: Se aumenta o consumo local e propio , teremos maior número de iniciativas que aposten por un etiquetado que garanta o dereito de todos os galegos a ser atendidos na súa lingua.