Seguiremos loitando por dignificar a nosa terra

2020: Un pé na rúa, outro nas institucións

María Lago fai un resumo da nova etapa do BNG Muros

Encaramos o ano que comeza traballando en varias propostas que levaremos ao pleno nos primeiros meses do 2020: elaboraremos unha proposta de  acordo para a aprobación dunha normativa que regule as casas de apostas e a súa publicidade antes de que esta lacra se instaure nas nosas rúas, seguiremos esixindo coa nosa voz que se cree un plan xeral de mantemento para os edificios e mobiliario municipal, que se regularicen os postos de traballo dependentes do concello e se lle pague a cada quen o que corresponde, seguiremos defendendo que se aposte por todas as parroquias e se mire cara todas elas sen distinción, dende o salón de plenos e nas rúas apoiando todas aquelas causan que busquen coidar a nosa Terra, a nosa xente e a dignificación do emprego.  Seguiremos, en definitiva, defendendo todo aquilo co que nos comprometemos en maio deste ano que remata.

Chegamos xa ao remate deste ano 2019 no que se elixiu unha nova corporación municipal, e no que eu decidín dar o paso adiante e encarar a tarefa de asumir a portavocía do noso grupo municipal; tarefa que nunca tería asumido de non poder contar con un gran equipo que me acompaña, dende aquí quero aproveitar o momento para darlle as grazas unha vez máis por permitir que este proxecto siga adiante e cada día poidamos contar con máis mans que traballan en chave de país.  

  

En maio presentamos unha candidatura ambiciosa con un programa de goberno centrado na promoción do emprego e a aposta polos sectores produtivos do noso concello, se ben os resultados non foron os mellores, seguimos esforzándonos e tentando facer valer cada un dos votos que recibimos como se nos tivesen outorgado a maioría absoluta exercendo unha oposición coherente e responsable: coherente co noso programa e coas ideas que levamos por bandeira, e responsable co noso concello e con toda a veciñanza, independentemente de quen sosteña o bastón de mando.  

  

No que vai de ano traballamos en varias preguntas, mocións e emenda que presentamos no pleno, pese a que por varias veces tivemos que reclamarlle a alcaldía o noso quenda de palabra. Conseguimos que dende o pleno se aprobase a moción que o noso grupo municipal elaborou contra a violencia machista como declaración institucional de cara ao 25N, indo máis alá do meramente simbólico e comprometendo a administración local a traballar no eido da prevención e erradicación desta lacra.  Conseguimos tamén que o pleno da corporación aprobase unha emenda á formación da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Ría de Muros e Noia para evitar que acabase converténdose nunha ferramenta electoral de cara aos vindeiros comicios á Xunta, aínda que dende o grupo municipal acabasen por deixala aparcada incumprindo a vontade do pleno. Condicionamos o noso apoio ao POS a que dunha vez por todas se comezase co saneamento nas parroquias de Abelleira e Torea e conseguimos con elo que se aprobase unha partida para comezar unhas obras que debían terse realizado fai moito tempo.   

  

Encaramos o ano que comeza traballando en varias propostas que levaremos ao pleno nos primeiros meses do 2020: elaboraremos unha proposta de  acordo para a aprobación dunha normativa que regule as casas de apostas e a súa publicidade antes de que esta lacra se instaure nas nosas rúas, seguiremos esixindo coa nosa voz que se cree un plan xeral de mantemento para os edificios e mobiliario municipal, que se regularicen os postos de traballo dependentes do concello e se lle pague a cada quen o que corresponde, seguiremos defendendo que se aposte por todas as parroquias e se mire cara todas elas sen distinción, dende o salón de plenos e nas rúas apoiando todas aquelas causan que busquen coidar a nosa Terra, a nosa xente e a dignificación do emprego.  Seguiremos, en definitiva, defendendo todo aquilo co que nos comprometemos en maio deste ano que remata.

  

Nestes derradeiros días dun 2019 no que o panorama político resultou tan confuso e desesperanzador, sentimos a necesidade, unha vez máis, de agradecer a todas as persoas que confiaches en nós no pasado maio e desexarvos un ventureiro ano 2020.  

  

  

  

Saúde e Matria
María Lago
Voceira BNG Muros