A Forza da Tenacidade. 10 anos do falecemento de Domingos Dosil
"Domingos, dotado de un optimismo natural e unha tenacidade incomparables, foi quen de transmitir unha mentalidade gañadora e de superación á militancia e simpatizantes do BNG. Xunguindo nunha boa lista electoral todas familias nacionalistas, foi que de acadar por primeira vez case que o trinta por cento do electorado muradán."
Cando na primavera de 2007 se fixo público que Domingos Dosil Cubelo ía optar á Alcaldía de Muros nas eleccións municipais daquel ano, foi unha nova que non deixou indiferente a ninguén. Domingos era moi coñecido e polo tanto un moi bo candidato do BNG. Todo o mundo sabía do seu inmenso traballo asociativo entre o colectivo das persoas con discapacidade e ao fronte durante moitos anos da COGAMI (confederación galega de minusválidos)
A súa volta para Muros explicábase como o limiar dunha próxima xubilación. Domingos aceptaba encabezar a lista do BNG, convencido por Xosé Manoel Bazarra, co obxectivo de consolidar o avance nacionalista iniciado por el anos atrás. Ao tempo de intentar frear a deriva autoritaria levada a cabo pola ata daquela alcaldesa socialista coa que a fronte nacionalista compartira o goberno municipal ata que foran expulsados.
Domingos, dotado de un optimismo natural e unha tenacidade incomparables, foi quen de transmitir unha mentalidade gañadora e de superación á militancia e simpatizantes do BNG. Xunguindo nunha boa lista electoral todas familias nacionalistas, foi que de acadar por primeira vez case que o trinta por cento do electorado muradán.
Coas reticencias do sector máis ortodoxo do nacionalismo local e impulsado por unha ampla maioría de militantes, moitos deles de novo cruño, atraídos por un BNG -casa común do nacionalismo- en expansión, Domingos chegaría a un pacto de goberno co PP para converterse deste xeito en Alcalde de Muros.
Domingos Dosil desbancou da alcaldía á socialista Caridad González, e o PSdG-PSOE de Muros iniciaría unha ofensiva desmesurada contra o goberno municipal e contra a persoa de Domingos, ao que descalificarían persoalmente sen ningún rubor durante toda a lexislatura. Esta belixerancia do PSOE, agravada pola non aceptación da realidade política e alentada nos medios de comunicación, duraría toda a lexislatura ata converterse practicamente en insoportable.
Porén, a forza da tenacidade dun Domingos Dosil acostumado a sufrir como ninguén, conseguiu aguantar toda a lexislatura con esta continua hostilidade e sacar adiante proxectos que viviran almacenados en caixóns durante lexislaturas anteriores. Mesmo con acordos unánimes, como foron a aprobación por primeira vez en Muros dun PXOM ou do plan de protección do casco histórico.
Sabedor da debilidade da economía municipal muradá e da enorme importancia que tiña para o futuro deste pobo acadar investimentos de outros organismos, Domingos viaxou incansablemente durante toda a lexislatura petando en todas as portas nas que soamente unha personalidade coma a súa podía entrar. Cando a furgoneta amarela de Domingos subía pola costa de Serres cara A Coruña ou enfilaba o lugar de Laxeiras cara Santiago todo o mundo sabía que xunta o Alcalde viaxaban os vindeiros proxectos para Muros. Así foi como conseguiu financiación para a realización de paseos marítimos, instalacións deportivas e a compra do antigo Cine París para convertelo en auditorio municipal -seguimos á espera-, por exemplo.
E nesa furgoneta amarela viaxaban tamén con el veciños e representantes de todas as asociacións da localidade. Por que se algo distinguiu a Domingos do resto de alcaldesas, que existían antes e que viñeron despois, foi a súa conexión co pobo que representaba. Durante todo o seu mandato o Alcalde mantivo unha comunicación constante coa veciñanza e o tecido asociativo, a través de reunións e asembleas veciñais praticamente todos os meses.
As loitas internas dentro do nacionalismo galego afectáronlle tamén de cheo ao goberno municipal de Domingos Dosil. Na parte final do seu mandato tivo que convivir con un surrealista proceso de eleccións internas para escoller a cabeceira de lista do BNG nas eleccións de 2011. Foi unha especie de tiro no pé do nacionalismo mediante o cal María Xosé Alfonso se enfrontaba con Domingos Dosil para saír gañadora por un estreitísimo marxe de votos da militancia.
Finalmente sería María Xosé Alfonso a candidata do BNG e Domingos, lonxe de instalarse na melancolía pola derrota colleitada entre os seus compañeiros, a súa tenacidade levouno a seguir perseverando na militancia e colaborando coa asemblea local do BNG, poñendo ata a súa furgoneta amarela a disposición da organización como vehículo electoral, ata que o seu pasamento prematuro en febreiro 2012 levou a Domingos a formar parte do imaxinario colectivo dos bos e xenerosos da nosa Terra.
Hoxe, 10 anos despois do seu inesperado adeus, Domingos segue a guiar o camiño da nosa Asemblea Local. Con toda a forza, con toda a tenacidade e con todo o optimismo que el nos transmitiu. Marchou o home, deixou semente que hoxe segue a agromar.